galicia112_programaEn GALICIA112 contaremos cos equipos de seguridade e emerxencias que velan pola integridade dos galegos. Os profesionais do Corpo Nacional de Policía, da Garda Civil ou da Policía Autonómica pasando polos servizos de urxencias sanitarias, salvamento marítimo, bombeiros e policías locais serán os protagonistas, descubríndonos as situacións máis destacadas ás que se enfrontan no seu día a día. O novo formato de entretemento para as noites da TVG amosará imaxes impactantes, ofrecéndolles aos telespectadores unha visión realista do traballo dos efectivos de emerxencias. En plató, Beatriz Pino, presentará ademais temas de interese como a violencia de xénero, asistencias sanitarias ou a ciberdelincuencia.

GALICIA112 buscará a colaboración dos espectadores, traballando na busca de persoas desaparecidas; insistirá na prevención sanitaria, policial e de emerxencias; e afondará nalgunhas das actividades delitivas máis frecuentes, como timos e estafas.
O espazo contará co asesoramento e colaboración dos distintos Corpos e Forzas de Seguridade para repasar algúns dos casos máis destacados da nosa historia recente. En cada emisión, incluiranse reconstrucións de sucesos, ampliadas con entrevistas en directo cos distintos implicados e especialistas.

 

Ademais elaborarase semanalmente un Mapa de Incidencias no que se reflictirán as accións semanais de cada un dos Corpos de Seguridade, de emerxencias, sanidade, etc. Estes mapas poden conter dende delitos ata accidentes de tráfico, intervencións de Protección Civil, informacións meteorolóxicas adversas, así como todo tipo de incidencias sanitarias
O programa GALICIA112 emitirase en directo e permitirá a participación activa dos espectadores por vía telefónica ou a través de todas as redes sociais, en calquera das múltiples seccións:

 

- Colaboración cidadá e policial
- Procura de desaparecidos
- Reconstrucións de crimes
- Seguimentos nocturnos cos Corpos de seguridade
- Violencia de xénero
- Mapas de seguridade
- Alertas sanitarias
- Salvamento marítimo
- Ciberdelincuencia
- Prevención de timos, estafas e fraudes
- Seguridade alimentaria
- Delitos medioambientáis